Thursday 02 de May de 2024

Unha nova edición dos obradoiros Móvete favorecerán a conciliación na Pobra durante o verán


Coa chegada do verán comeza o período de vacacións para a rapazada, polo cal a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal bota a andar unha nova edición dos obradoiros Móvete co obxectivo de favorece-la conciliación na época estival que se aproxima, segundo avanzan o alcalde en funcións, Xosé Lois Piñeiro, e a axente da igualdade, Carolina Rodríguez.

Como xa é costume, esta prestación terá lugar no CEP Salustiano Rey Eiras do día 22 de xuño ao 8 de setembro, onde as crianzas da infantil e da primaria estarán atendidas por monitorado especializado. Desenvolverase de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Haberá actividades lúdicas, deportivas, xogos populares ou saídas á praia, entre outras propostas de carácter recreativo e integrador coas cales enriquece-la experiencia das/dos máis pequenas/os e sempre coa igualdade entre mulleres e homes como tema transversal.

Tamén se brinda a posibilidade de solicita-los servizos de Madruga (con opción de entrada ás 07.30 horas) e Comedor (en funcionamento ata as 16.00 horas), dos cales cómpre consulta-las condicións.

Establécense catro quendas: a primeira será do día 22 ata 30 de xuño, por un importe de 15 euros; a segunda correspóndese con xullo, por 60 euros; a terceira, con agosto, por 60 euros; e a cuarta comprende dende o día 1 ata 8 de setembro, por 15 euros. Existe, ademais, a opción da quincena por un custo de 40 euros. Aplicaráselle un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.

As prazas son limitadas e as inscricións abrirán no 5 de xuño e rematarán no día laboral anterior ao inicio de cada quenda. O trámite formalizarase no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial, co teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.